Thursday 19 de September de 2024

Visitas guiadas ao Castro de Elviña e actividades divulgativas nos Museos Científicos Coruñeses durante a Semana Santa


Este mércores 5 de abril, ás 20.00 horas, a Orquestra Gaos interpreta ‘Cuadros de una exposición: un paseo con Picasso’ un concerto didáctico no Teatro Colón centrado na figura do prestixioso artista

Ademais, entre o xoves 6 e o venres 7, os campos de fútbol da Torre acollen a I Copa Irene González Basanta, que disputarán os conxuntos xuvenís femininos do Orzán SD, Manchester City, Real Madrid e SC Braga

Durante a Semana Santa o Concello da Coruña está a ofertar unha ampla programación de actividades, orientadas ao goce da cidadanía nestas datas festivas, con actuacións no Teatro Colón e propostas divulgativas en enclaves como o Castro de Elviña e os Museos Científicos Coruñeses.

Este mércores 5 (20.00 horas) terá lugar o concerto didáctico ‘Cuadros de una exposición: un paseo con Picasso). Ao abeiro da ‘Celebración Picasso 1973-2023’, a Orquestra Gaos, dirixida por Fernando Briones, e a xornalista Teba Chacón, como narradora, achegarán o percorrido e obra do prestixioso artista a través da música. A sesión será de balde, mais será preciso solicitar o convite, un trámite que está dispoñible por medio da web de Ataquilla.

A disputa da I Copa Irene González Basanta
Por outra banda, entre o xoves 6 e o venres 7 disputarase a I Copa Irene González Basanta, un torneo de carácter internacional que reunirá nos campos de fútbol da Cidade Deportiva da Torre ‘Arsenio Iglesias’ os conxuntos xuvenís femininos do Orzán SD, Manchester City, Real Madrid e Sporting Clube de Braga.

A primeira fase da Copa disputarase o xoves, desde as 15.00 e ata as 20.00 horas. Xa o venres pola mañá, ás 10.00 horas, comezará a fase final, que rematará coa disputa polo título entre os dous gañadores das semifinais. Será a partir das 12.45 horas.

Os percorridos guiados polo Castro de Elviña

Ademais, xa está aberto o prazo de inscrición nas visitas guiadas ao Castro de Elviña que terán lugar esta fin de semana, o sábado 8 e o domingo 9, ás 12.00 horas. A oferta dispoñible é de 25 prazas para cada quenda, e as solicitudes de praza para gozar desta actividade divulgativa, que se levará a cabo como un percorrido histórico-patrimonial polo xacemento, poden tramitarse a través do número de teléfono 981 189 850.
Os Museos Científicos Coruñeses, abertos toda a Semana Santa

Durante estas datas festivas, a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae abrirán todos os días, de 10.00 a 19.00 horas, con último acceso ás 18.00 horas no Aquarium e ás 18.30 horas na Casa das Ciencias e a Domus.

No caso da Casa das Ciencias, continúa a mostra ‘A través do James Webb’, que abrangue unha espectacular colección de imaxes do universo recollidas polo telescopio espacial James Webb. Por outra banda, ata o luns 10 de abril haberá catro sesións diarias de planetario:
● 11.30: ‘Dinosauros’ (en galego).
● 13.00: ‘La niña que sabía caminar al revés’ (en castelán).
● 17.00: ‘Polaris’ (en galego).
● 18.00: ‘La noche es necesaria’ (en castelán).

Ademais, a Domus abrirá as súas portas para ofrecer numerosas experiencias interactivas vencelladas coa nutrición e a evolución humana, ademais do novo módulo do parto.

A maiores, no Aquarium Finisterrae poderase asistir a diario, ás 12.00 e 17.00 horas, aos traballos de alimentación das focas, nas piscinas exteriores. O público tamén poderá descubrir as máis de 300 especies que viven nos tanques do acuario, ademais de deleitarse coas exposicións ‘Cru: memoria do Mar Exeo’ e ‘Avistamentos atlánticos’.

Exposicións culturais no Quiosco Alfonso e o Palexco

Ademais, tamén durante a Semana Santa, o Quiosco Alfonso e o Palexco abrirán as súas portas ao público, que poderá recrearse con exposicións culturais de primeiro nivel.
No Quiosco Alfonso, e ata o vindeiro día 28 de maio, a mostra ‘En Pretérito Seguinte’ compila a mellor selección de arte contemporánea a través das obras de seis artistas coruñeses: Correa Corredoira, Lara Pintos, Manuel Suárez, Mico Rabuñal, Pilar Cancio e Samuel Castro.

Mentres, na sala municipal de exposicións do Palexco, e ata o día 21 de maio, a exposición ‘Villalobo. O vento comezou de novo’, do cubano Nelson Villalobo, réndelle homenaxe a Pablo Picasso e á súa influencia artística. Villalobo é un pintor de influencias que representa nas súas obras moitos elementos aparentemente inconexos que nunca deixan indiferentes pola súa cor e simboloxía.